Obxectivo: Adquisición de maquinaria e novos equipamentos co fin de mellorar, ampliar e/ou modernizar as empresas existentes que desenvolven actividades non agrícolas en zonas rurais.
Cubre (ata un 45%): Maquinaria e equipamentos novos.
Remata: 28/02/2019

CONVOCA

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER)

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 29 de xaneiro de 2019 rematará o 28 de febreiro de 2019.

FINALIDADE / OBXECTIVO

O obxecto destas bases reguladoras é establecer o réxime das axudas que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) no marco da medida 6.4 do PDR de Galicia 2014-2020, destinadas a mellorar, ampliar e/ou modernizar as empresas existentes que desenvolven actividades non agrícolas en zonas rurais, mediante o apoio á adquisición de maquinaria e equipamentos novos, co fin de reforzar o tecido empresarial no territorio rural galego e mellorar a súa competitividade, inducir á xeración de novos empregos, consolidar os existentes e, en última instancia, dinamizar a economía dos territorios rurais.

TIPOS DE APOIO

As axudas consisten en subvencións directas de capital.

BENEFICIARIOS POTENCIAIS

a) As microempresas e as pequenas empresas situadas en zonas rurais e constituídas con anterioridade ao 1 de setembro de 2018.

b) Persoas físicas que residan nunha zona rural, dadas de alta con anterioridade ao 1 de setembro de 2018.

c) Titulares dunha explotación agraria, ou membros da súa unidade familiar, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

REQUISITOS PRINCIPAIS DO PROXECTO

Serán subvencionables os proxectos destinados á ampliación e/ou modernización de pequenas empresas que desenvolven actividades non agrarias nos seguintes sectores e ámbitos de actividade:

a) Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais. Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.

b) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE). Non obstante o anterior, para este sector de actividade excluiranse aqueles proxectos cun orzamento elixible superior a 60.000 €.

c) Prestación de servizos en calquera sector económico, con exclusión das empresas de servizos de maquinaria agrícola e forestal e das empresas de servizos enerxéticos

d) Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas-escola...).

e) Actividades de ocio, recreativas e deportivas.

 f) Artesanía e actividades artesanais.

 g) Actividades baseadas na innovación tecnolóxica e no comercio electrónico.

 h) Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria.

 i) Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.

INVERSIÓNS OU GASTOS COMPUTABLES

Con carácter xeral, será subvencionable a compra de maquinaria e equipamentos novos afectos á actividade empresarial, e que sexan necesarios para o desenvolvemento da actividade produtiva da empresa.

Non serán subvencionables:

 a) Unidades de investimento cuxa base impoñible sexa igual ou inferior a 1.000 €.

 b) Material funxible en xeral.

 c) Envases e embalaxes, aínda cando sexan reutilizables.

 d) A reposición ou simple substitución de equipamento e maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a equipamentos ou maquinaria distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento ou eficiencia ambiental, que deberá xustificarse na memoria-resumo do proxecto (anexo III).

 e) Equipos de calefacción, climatización e ventilación, así como as instalacións que comporten.

 f) Traídas e acometidas de servizos.

 g) Adquisición de maquinaria, equipamento e materiais de segunda man.

 h) Adquisición de maquinaria e equipamento destinada ao aluguer.

 i) Equipos informáticos de oficina e licenzas informáticas en sistemas operativos e aplicacións de ofimática.

 j) Deseño e/ou actualización de páxinas web.

 k) A compra de vehículos de transporte exterior, de vehículos especiais agrícolas e de obras, e a súa adecuación.

 l) Mobiliario, instalacións, útiles e ferramentas.

 m) Investimentos non axustados no seu dimensionamento e capacidade ás actividades que vai desenvolver a empresa a curto prazo, ou ben dun importe unitario superior ao básico do mercado para unidades ou elementos de igual capacidade.

 n) Investimentos non relacionados directamente coas actividades desenvolvidas polo solicitante.

 o) Os gastos de aluguer de instalacións e equipos, nin os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing).

 p) A man de obra propia e os materiais de igual procedencia.

 q) As taxas por licenzas administrativas.

 r) O imposto de valor engadido (IVE) e calquera outro imposto, agás que non sexa recuperable pola persoa beneficiaria.

 s) Os gastos financeiros producidos como consecuencia do investimento.

 t) Os xuros debedores.

 u) Os conceptos do orzamento sen desagregar tales como «outros».

 v) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude da axuda.

CONTÍA DAS AXUDAS

A axuda será do 45 % dos gastos subvencionables.

REFERENCIA LEXISLATIVA

Resolución do 13 de decembro de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de adquisición de maquinaria e equipamento en actividades non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 19 do 28 de xaneiro de 2019).

OBSERVACIÓNS

As persoas solicitantes poderán presentar como máximo un proxecto ao abeiro desta convocatoria.

Quedarán excluídos aqueles proxectos que presenten un orzamento elixible inferior a 10.000 € ou superior a 220.000 €. No caso de proxectos promovidos no sector da artesanía, os límites anteriores quedan establecidos en 5.000 € e 100.000 € respectivamente.

Contacta con nós se crees que esta axuda pode ser do teu interese.

Este sitio web utiliza cookies para mejorar los servicios que te ofrecemos.

Si no cambia la configuración de su navegador, usted acepta su uso. Saber más

Acepto