O Presidente e o Alcalde asinaron o convenio para a posta en marcha desta iniciativa, que ofrecerá formación práctica remunerada e asesoramento durante 5 anos para a crear e consolidar novas explotacións ou cooperativas.

Gómez Besteiro explicou que é un proxecto de emprego no rural, que recuperará o territorio e profesionalizará por vez 1ª a horticultura ecolóxica, un sector cuxas oportunidades laborais e económicas en Galicia poderían triplicarse.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, acompañados pola Vicepresidenta Segunda do organismo provincial, Lara Méndez, asinaron este mércores o convenio de colaboración para a posta en marcha en dito municipio mariñao da 1ª escola pública e gratuíta en Galicia de horticultura ecolóxica. Trátase dun proxecto que busca xerar emprego no rural, facendo fronte ó despoboamento demográfico, recuperar o territorio de xeito sostible e profesionalizar por vez primeira este sector, incrementando as súas oportunidades laborais e económicas.

Gómez Besteiro salientou que “esta escola pública e gratuíta brindará a posibilidade de formarse con practicas remuneradas e recibir asesoramento personalizado, todo a custe cero, para a creación e consolidación de novas explotacións ou cooperativas sobre un sector que xera en Galicia un volume de negocio de 1 millón de euros e 150 empregos, co aproveitamento de tan só unhas 100 hectáreas de terreo. Pero as oportunidades laborais e económicas da horticultura ecolóxica poderían triplicarse co aproveitamento da superficie agraria útil da Comunidade. No caso da Mariña, as condicións climatolóxica da zona favorecen o éxito deste sector, que non require de importantes investimentos para iniciar a actividade como ocorre, por exemplo, coa gandeiría. É un verdadeiro nicho de emprego no rural, que contribúe á recuperación do noso territorio”.

A 1ª escola pública en Galicia de horticultura ecolóxica ofrecerá ós alumnos formación e prácticas remuneradas durante 1 ano, así como asesoramento outros 4 anos máis, co obxectivo de consolidar os negocios saíntes, tendo en conta que as empresas de nova creación tenden a desaparecer nos primeiros anos de vida.

No primeiro ano, coñecerán as particularidades dos productos de horta nas campañas de verán (tomates, pementos, xudías...) e inverno (repolo, brócoli, chícharos...). Cada alumno será responsable dunha parcela nas novas instalacións que Deputación e Concello xa acondicionan detrás do Consistorio de dito municipio, onde porán en práctica os coñecementos adquiridos. Neste mesmo espazo, contarán cunha infraestrutura onde aprenderán a embalar os seus produtos con todos os requisitos sanitarios e de selado ecolóxico para a súa posta á venda. Todo o recompilado coa comercialización dos seus produtos será para un capital social que contribúa á posta en marcha dos negocios ou cooperativas do alumnado.

Ademais, recibirán formación sobre comercialización, novas tecnoloxías, xestión empresarial, enerxías renovables, industrialización, captación de recursos económicos, vantaxes do asociacionismo agrario para a posta en marcha de cooperativas..., en definitiva, sobre o completo proceso de creación e funcionamento dos negocios.

Creación e consolidación das empresas

No segundo ano, porán en marcha as súas propias explotacións baixo a tutela dun titor, que lles ofrecerá colaboración durante todo o proceso, facilitándolles asesoramento personalizado en materia de produción, comercialización, xestión económica ou trámites administrativos. A partires do terceiro ano, o titor continuará prestando colaboración para a consolidación das empresas saíntes. Crearase entón na 1ª escola pública en Galicia de horticultura ecolóxica un foro permanente, onde se debatan os problemas, oportunidades e todos os aspectos que xurdan durante a actividade dos ex alumnos, servindo como exemplo para futuros alumnos.

Novas instalacións

Gómez Besteiro, Lara Méndez e Edmundo Maseda supervisarán o inicio dos traballos de acondicionamento dunha parcela de 7.000 metros cadrados, situada detrás da Casa Consistorial do Valadouro, que estaba en desuso, onde se situarán os invernadoiros, as parcelas individuais e as instalacións para o embalaxe dos produtos ecolóxicos. A 1º escola pública e gratuíta en Galicia de horticultura ecolóxica estará en funcionamento en maio, podendo acoller xa ós primeiros 8 alumnos. Esta iniciativa conta cun presuposto inicial de 275.000 euros, financiados en preto do 80% pola Deputación de Lugo, con 215.000 euros, e nun 20% polo Concello do Valadouro, con 60.000 euros.

Compartir

Submit to FacebookSubmit to Google PlusSubmit to TwitterSubmit to LinkedIn

Este sitio web utiliza cookies para mejorar los servicios que te ofrecemos.

Si no cambia la configuración de su navegador, usted acepta su uso. Saber más

Acepto