Tras máis de tres anos traballando no ámbito do compostaxe doméstica, que estendeu a 120 entidades, procedendo ao reparto duns 4.000 composteiros, Sogama considera que chegou o momento de impulsar a agricultura ecolóxica polos seus beneficios medioambientais e para a saúde, pero tamén polo seu baixo custo económico e enerxético.

É por iso que decidiu publicar unha guía, a disposición de todos os interesados na súa páxina web http://www.sogama.es/gl/info/publicacions, para que estes poidan mellorar a produción das súas hortas conforme aos parámetros que definen a agricultura ecolóxica, entendida como “aquel sistema de produción que evita ou exclúe o uso de fertilizantes e plaguicidas sintéticos, utilizando a rotación de cultivos, a adición de subprodutos agrícolas, esterco, adobos verdes, residuos orgánicos e rocas ou minerais triturados sen transformar, e controlando biolóxicamente as pragas”. Todo iso permitirá manter a produtividade do solo e do cultivo, proporcionando os nutrientes axeitados para as plantas e conseguindo o control de parásitos, herbas espontáneas e enfermidades, sen agredir nin deteriorar a contorna nin, por suposto, aos consumidores.

Resulta evidente que a Revolución Industrial trouxo consigo vantaxes para a agricultura, permitindo a mellora das condicións de traballo mediante a incorporación de maquinaria que facilitou e axilizou as tarefas, así como o desenvolvemento de novos materiais que optimizaron o labor no campo, pero non menos certo é que tamén produciu efectos negativos debido á utilización masiva e indiscriminada de produtos tóxicos que supuxeron a contaminación e deterioro de numerosos ecosistemas, afectando á saúde das persoas. Ademais, o abuso de fertilizantes químicos orixinou igualmente a contaminación da auga, perdéndose para sempre unha enorme variedade de plantas.

Como consecuencia de todo isto, quedaron no esquecemento técnicas sinxelas, útiles e beneficiosas para a agricultura, que agora deben ser retomadas co fin de garantir a sostibilidade ambiental a longo prazo. Porque o que se propón realmente é producir alimentos de calidade e co máximo sabor, á vez que se establece un equilibrio ecolóxico para protexer a fertilidade do solo ou evitar problemas de pragas.

Estrutura da guía

O contido da guía aborda todas as técnicas e procedementos a seguir para asegurar unha produción ecolóxica coas máximas garantías. Con tal motivo, proporciona claves sobre o solo, é dicir, como crear un bo solo e traballar o terreo; sobre os sistemas de rego; sobre a planificación da horta (xogando co seu deseño, co sol e a sombra, co tamaño e forma das camas, …); sobre a preparación das sementes (poñelas a punto, cales usar, métodos a utilizar); sobre as asociacións e rotacións de cultivos; sobre o acolchado; sobre as técnicas de fertilización e como aplicar o compost e outros abonos orgánicos; e sobre as pragas e enfermidades.

O documento conclúe cunha serie de fichas de cultivos de gran utilidade para os usuarios.

Principios e fins

Hai unha serie de principios que sustentan a agricultura ecolóxica. Trátase de coñecer e traballar de acordo cos ecosistemas e respectar os ciclos biolóxicos do ámbito agrario, manter e potenciar a fertilidad do solo a medio e longo prazo e, na medida do posible, apostar pola utilización de recursos enerxéticos renovables.

Pero tamén debe terse en conta que este tipo de agricultura debe perseguir uns determinados fins. Por exemplo, producir en cantidade suficiente para satisfacer as necesidades de alimentos de alta calidade nutritiva, poñer todos os medios para evitar calquera forma de contaminación, manter a diversidade xenética do sistema agrario e da súa contorna mediante a conservación de especies animais e vexetais, e considerar a importancia dos impactos social e ecolóxico sobre o ámbito agrícola no que se refire á poboación e ao nivel de vida alcanzado.

Beneficios

O solo vese beneficiado pola agricultura ecolóxica, xa que a rotación de cultivos, os cultivos mixtos, as asociacións simbióticas, os cultivos de cuberta, os fertilizantes orgánicos e a labranza mínima, melloran a súa formación e estrutura, propiciando sistemas máis estables. Así mesmo, increméntase a circulación dos nutrientes e a enerxía, mellorando a capacidade e retención da auga, reducindo en boa medida o perigo de contaminación subterránea, minimizando a erosión e incrementando a biodiversidade. É dicir, conséguense solos máis produtivos.

Tamén se reduce a utilización de enerxía non renovable ao diminuír a necesidade de sustancias agroquímicas, cuxa produción require unha gran cantidade de combustibles fósiles. É por isto que contribúe a mitigar o efecto invernadoiro e o quentamento global mediante a súa capacidade de reter carbono no solo.

Normativa

A agricultura ecolóxica en Europa está suxeita a Regulamentos Comunitarios que son de obrigado cumprimento por todos os Estados membros: o Regulamento (CE) Nº834/2007, O Nº889/2008 e o Nº1325/2008, todos eles coas súas posteriores modificacións e desenvolvementos.

Compartir

Submit to FacebookSubmit to Google PlusSubmit to TwitterSubmit to LinkedIn

Este sitio web utiliza cookies para mejorar los servicios que te ofrecemos.

Si no cambia la configuración de su navegador, usted acepta su uso. Saber más

Acepto