Entrevista a Guillermo Martínez Ruiz, director-xerente de Casa Grande Xanceda, unha granxa referente no Estado na produción e transformación de leite ecolóxico

Ubicada no concello coruñés de Mesía, Casa Grande de Xanceda converteuse nun referente da gandería de futuro en Galia. Nos 90 sufreu o problema de moitas explotacións lácteas galegas de caída do prezo do leite e aumento dos costes de produción. A súa resposta foi intentar quedarse na explotación co maior valor engadido, primeiro pasando a producir leite en ecolóxico e logo transformando o seu propio leite en iogures e queixos que podemos ver en case todos os supermercados. E democratizando o seu consumo. "Agora nós sómos os que marcamos o prezo do noso leite", conclúe satisfeito o director xerente de Casa Grande de Xanceda, Guillermo Ruíz.

Como naceu o proxecto da Casa Grande de Xanceda?

O proxecto inicial empezou sendo unha gandeiría fundada na década dos 60 por María Victoria Fernández España e Felipe Fernández Armesto. Ben é certo que eles non tiñan unha vocación gandeira, porque ela era política e el xornalista. Na súa época de xubilación foi cando decidiron voltar a Galicia e montar unha granxa porque sempre lles gustara moito o campo e aquí se querían xubilar.

Neste sentido, adquiriron aquí en Xanceda, Mesía, unhas 30 hectáreas de terreo e unhas 20 vacas frisoas procedentes dunha importación de vacas de Canadá feita polo Ministerio de Agricultura daquela para o fomento e a mellora do gando de leite de Galicia. Hoxe temos unhas 14 liñas de descendencia daquelas 20 primeiras vacas.

Como todas as granxas, a evolución foi crecente aumentando o gando e os terreos. De feito, no ano 1985, cando se fixeron as cotas lácteas, a cota de Felipe Fernández Armesto era a máis grande dunha soa persoa na provincia da Coruña.

Porén, a partir do ano 1985 empezou unha decadencia, non houbo continuidade e parouse o cremento.

"Casa Grande de Xanceda desde un principio apostou pola produción de leite máis sostible en base a pasto e forraxe e menos en base a penso"

Felipe Fernández Armestro foi unha persoa moi concienciada na produción de leite en base a forraxe, a pastoreo, algo que chocaba co modelo daquela de granxas moi grandes, de estabulación permanente e pensos. Pola contra, Fernández Armesto pensou a produción rendible e económica de leite debía ser en base a pastoreo.

Nós o que fixemos foi seguir un pouco as súa directrices. Eu cheguei a esta casa no ano 1999. Daquela Felipe Fernández Armestro, debía ter en torno a 92 anos e o seu fillo Juan estaba disposto a coller o relevo xeneracional . Naquel momento tamén se xubilaba o veterinario que estaba levando a explotación e falou conmigo para ver que podiamos facer coa explotación. Eu o que fixen foi continuar coa labor que se estaba facendo ata entón, pero o que si notamos, como en todas as granxas, foi un problema de costes cada vez maiores mentres que o prezo do leite cada vez estaba máis baixo.

Planteábase entón o problema do peche da granxa e de qué facer de cara o futuro. A Unión Europa daquela, no ano 2002, xa estaba falando de que ía haber uns pagos para compensación do prezo do leite. Isto fíxonos pensar que a baixada do prezo do leite ía ser imparable e non era conxuntural.

Cal foi a vosa estratexia para salvar a explotación?

Fronte a iso, intentamos sacar o maior valor engadido ao leite. Neste caso foi coa certificación do leite con Leche Pascual. Pero a idea era ir un pouco máis alá. Tiñamos moito terreo e un gando afeito a pacer e polo tanto decidimos certificar en ecolóxico. Non tivemos problemas porque na práctica xa viñamos producindo en ecolóxico. Así, en febreiro de 2004 acadamos a certificación de ecolóxico do CRAEGA. E daí empezamos a traballar co nome de Casa Grande de Xanceda. Apostar pola transformación do leite permitiulle a Casa Grande de Xanceda pasar de 6 a 25 empregados

Cales son as cifras de Casa Grande de Xanceda?

Con respecto ao ano 1999 as cifras son as mesmas, seguimos producindo un millón de litros de leite e temos unhas 180 hectáreas de terreo, unhas poucas máis. O que si varía foi o número de empregados: antes a explotación daba para vivir a 5 ou 6 persoas e hoxe en día temos en nómina a 25 persoas. Isto é o evidencia o valor engadido de producir en ecolóxico e de transformar e comercializar un mesmo.

Transformar o leite na propia explotación foi a clave para o éxito?

No noso caso tivémolo moi claro. Fálase de que a industria láctea é o inimigo e págalle pouco ao gandeiro. Nos víamos que non mandabamos sobre o prezo do leite, agora si, somos nos os que lle pomos prezo ao leite. A nosa pretensión ao convertirnos en industria láctea e comercializar foi a viabilidade da granxa.

Estamos neste momento en arredor do 72% da nosa produción láctea que a gobernamos nós. O resto vendémosllo como leite ecolóxico ao Grupo Lactalis.

Os alimentos ecolóxicos hai quen os considera un pouco elitista. Apostastes por democratizar o acceso aos vosos productos?

Nos temos claro que o noso obxectivo é a viabilidade da explotación, e todo o demais está moi estudiado para chegar a ese obxectivo. Nós temos un millón de litros de leite que temos que colocar no mercado e se os temos que colocar en tendas locais sería imposible.

Por iso apostamos pola democratización do consumo de produtos ecolóxicos. Se vas a un supermercado e ofreces produtos en ecolóxico é máis fácil que xente que non está en contacto coa produción en ecolóxico o probe e chegue a ser un consumidor habitual. Por iso, nós non queremos estar nunha sección exclusiva de ecolóxica ou nunha sección gourmet, nós queremos estar cos iogures normais para que a xente nos poda comparar.

Non estades notar a crise como outras empresas alimentarias que ven como o consumidor cada vez se decanta máis pola marca branca?

Somos unha empresa pequena, polo que a pouco que aumentes a venda melloras. Coa transformación dos nosos produtos levamos uns 8 anos e medramos un 20% anualmente.

"O noso obxectivo é transformar e comercializar todo o noso leite"

Qué plans tedes para este ano?

Queremos seguir consolidándonos no mercado estatal e empezar co mercado estranxeiro, sobre todo con produtos como o queixo. O outro obxetivo é sacar novos produtos. No iogur xa estamos nun nivel no que nos costa medrar, porque é moi difícil comercializar un produto. O noso obxectiva é transformar e comercializar todo o noso leite.

A nosa idea é seguir medrando pero a nosa limitación é a base territorial. Agora mesmo temos hectáreas arrendadas con opción de compra, pero esta opción é moi complicada porque non hai terra para mercar. E os prezos son moi, moi altos.

O próximo ano van rematar as cotas lácteas a nivel europeo. O sector lácteo galego está preparado?

No noso caso fixemos os deberes para competir nun mercado libre de cotas. A liberalización de cotas véxoa con incerteza en canto a prezos. Está claro que canta máis oferta hai, canto máis leite produzamos, máis vai baixar o prezo. Neste sentido, a cota, malia ser denostada, foi unha garantía para o sector, sabíase que esa cota vala vender, ben é certo que sen ter garantido o prezo.

Non sabería dicir se o remate das cotas vai ser malo ou bo. Ata agora o mercado agrícola e gandeiro está moi intervido, co cal os produtos non teñen un prezo real. Un litro de leite pode valer no supermercado menos que un litro de auga. Por iso, coa liberalización igual ven a solución, igual de repente o leite se paga e cobre os custes de produción…qué utópico! Non o creo nin eu..

Qué consellos lle darías a un agricultor novo?

Eu estou para recibir consellos máis que para dalos. Qué cousas boto en falta? Un bó asesoramento técnico. Vas a Cataluña ou a Navarra e ninguén se pon a producir nada se non é cun asesoramento detrás. Aquí somos moi botados para adiante e facémolo sen consultar. Estamos falando de ser competitivos, de custos de produción, e isto son cousas técnicas para as que fai falta asesoramento.

Por exemplo, no tema de pastoreo hai moi poucos asesores de pasto, mesmo a nivel mundial. Nós por exemplo temos que acudir a publicacións de Nova Zelanda e de Sudamérica.

Compartir

Submit to FacebookSubmit to Google PlusSubmit to TwitterSubmit to LinkedIn

Este sitio web utiliza cookies para mejorar los servicios que te ofrecemos.

Si no cambia la configuración de su navegador, usted acepta su uso. Saber más

Acepto