Obxectivo: Execución de medidas de investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitícolas para as empresas do sector vitivinícola de Galicia.
Cubre: Elaboración de produtos vitivinícolas, control de calidade, comercialización e actividades vinculadas á empresa en xeral.
Remata: 22/01/2016

CONVOCA

Consellería do Medio Rural.

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

Comezará o 22 de decembro de 2015 e rematará o 21 de xaneiro de 2016.

No caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, o solicitante terá un prazo adicional de dous meses para presentar a preceptiva licenza de obras.

FINALIDADE / OBXECTIVO

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de medidas de investimentos no sector vitivinícola en Galicia establecidas no Real decreto 1079/2014, do 19 de decembro, para a aplicación das medidas do programa de apoio 2014-2018 ao sector vitivinícola, así como realizar a convocatoria para o ano 2016.

TIPOS DE APOIO

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia non competitiva (ata esgotamento do crédito orzamentario).

BENEFICIARIOS POTENCIAIS

1.     Empresas que realicen actividades de transformación ou comercialización de produtos vitivinícolas ou ben ambas as dúas actividades simultaneamente. Entenderase por produtos vitivinícolas: os mencionados na parte II do anexo VII do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e que se producisen no territorio español.

 A empresa deberá ter empezado o desenvolvemento das devanditas actividades con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda ou comezala coa execución do proxecto de investimento motivo da solicitude de axuda.

 Non obstante, cando se trate de solicitantes cuxa actividade sexa, ou pretenda ser, unicamente a comercialización de produtos vitivinícolas, deberán satisfacer, segundo corresponda, os seguintes requisitos:

 a)    Se se trata dunha empresa xa en actividade, polo menos un 80 % da súa facturación do último exercicio pechado deberá proceder da comercialización de produtos vitivinícolas.

 b)    Se se trata dunha empresa cuxa actividade se iniciase coa execución do proxecto de investimento motivo da solicitude de axuda, deberá comprometerse a que polo menos o 80 % da súa facturación anual durante o período de durabilidade dos investimentos proceda da comercialización dos produtos vitivinícolas.

 2.     O tipo máximo de axuda aplicarase ás microempresas e pequenas e medianas empresas, segundo se definen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003.

 O tipo máximo de axuda reducirase ao 50 % para as empresas que non están cubertas polo título I, artigo 2, número 1 da Recomendación 2003/361/CE con menos de 750 empregados ou cuxo volume de negocios sexa inferior a 200 millóns de euros (empresas intermedias).

 O tipo máximo de axuda reducirase ao 25 % para as empresas que non están cubertas polo título I, artigo 2, número 1 da Recomendación 2003/361/CE, con 750 ou máis empregados e cuxo volume de negocios sexa igual ou superior a 200 millóns de euros (grandes empresas).

 3.     Para determinar o número de empregados e o volume de negocios dos solicitantes que non sexan microempresas ou pequenas e medianas empresas, utilizaranse os mesmos criterios de cálculo establecidos para estas na Recomendación 2003/361/CE da Comisión.

 4.     Os solicitantes das axudas deben ter instalacións en Galicia, ou prever telas coa execución dos investimentos para os cales se solicita axuda, dedicadas á produción ou comercialización de produtos vitivinícolas, agás, nos casos de proxectos de comercialización noutro Estado membro, nos cales o requisito exixible é que os solicitantes teñan o seu domicilio fiscal en Galicia.

GASTOS SUBVENCIONADOS

 

1.     Elaboración de produtos vitivinícolas: as operacións propias do proceso de elaboración, desde a recepción da uva ata o almacenamento do produto terminado, incluíndo os sistemas informáticos para o control dos procesos produtivos.

 2.     Control da calidade: calquera operación realizada no proceso de control da calidade dos produtos, desde a toma de mostras na recepción da uva na adega, os controis realizados durante o proceso da elaboración, o aseguramento da rastrexabilidade, os sistemas de calidade ou a implantación de normas de calidade alimentaria.

 3.     Comercialización: calquera operación realizada nos países da UE, incluída España, en:

 a)    Puntos de venda directa na adega, incluíndo salas de exposición e degustación, pero separados fisicamente das instalacións de elaboración.

 b)    Puntos de venda fóra da adega, almacéns, centros loxísticos e oficinas comerciais.

 c)     Equipamentos necesarios para a exposición e/ou venda.

 d)    Desenvolvemento de redes de comercialización.

 e)    Hardware, software, plataformas web/comercio electrónico, para a adopción de tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) e o comercio electrónico.

 4.     Vinculadas á empresa en xeral: as operacións que melloren a estrutura operativa dos sistemas de xestión administrativa, a organización e o control da empresa, así como o desenvolvemento das redes de información e comunicación.

 a.     A construción, adquisición ou mellora de bens inmobles.

 b.     A compra de nova maquinaria e equipamentos, incluídos os soportes lóxicos de ordenador, ata o valor de mercado do produto.

 c.     Ata un 8 % dos gastos xerais ligados aos puntos a) e b) anteriores como honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, estudos de viabilidade ou adquisición de patentes e licenzas.

GASTOS NON SUBVENCIONABLES

1.     Os gastos de constitución e primeiro establecemento.

 2.     A compra de terreos e os gastos relacionados con esta (honorarios de notario, impostos e similares).

 3.     A compra de edificios que vaian ser derrubados. Se a compra dun edificio é obxecto de axuda, o valor do terreo construído e o do que rodea o edificio, valorado por técnico competente, non se considera subvencionable. Tampouco será subvencionable a compra de edificacións de instalacións en funcionamento.

 4.     A compra de edificios ou locais se estes foron subvencionados nos últimos dez años. Para iso xuntarase declaración das subvencións recibidas polo edificio ou o local durante os últimos dez años. Tampouco serán subvencionables os investimentos en reformas de locais que foron subvencionados anteriormente polas administracións públicas e non transcorreron cinco anos desde a súa finalización.

 5.     Traballos ou investimentos empezados ou realizados, salvo os seguintes anteriores a un ano da data de solicitude:

 a)    Honorarios técnicos, gastos de estudos de viabilidade económica, técnica, xeotectónica, de mercado e similares, a adquisición de patentes e licenzas, e gastos relacionados cos permisos e seguros de construción. Non terán a consideración de gastos auxiliables os impostos, as taxas, as contribucións ou outros impostos.

 b)    Arrecadamento de materiais de construción e encargo ou compra de maquinaria, mesmo a subministración, pero non a montaxe, instalación e proba.

 6.     Obras de ornamentación e equipamentos de lecer, agás nos proxectos de investimento en que se prevexan actuacións de comercialización, e neste caso, o límite máximo de investimento auxiliable para obras de ornamentación e equipamentos de lecer será do 25 % do investimento en actuacións de comercialización.

 7.     A compra de material amortizable normalmente nun ano (botellas, embalaxes, material funxible de laboratorio e similares).

 8.     As tarimas, caixóns tarima e caixas de campo.

 9.     Os investimentos que figuren na contabilidade como gastos.

 10.  A compra e instalación de maquinaria e equipamentos de segunda man.

 11.  Os gastos relativos ao traslado de maquinaria xa existente ata o local ou sitio en que se vai realizar o proxecto.

 12.  As reparacións e obras de mantemento. Non teñen a consideración de reparacións as operacións realizadas sobre maquinaria instalada para ampliar a súa capacidade ou mellorar as súas prestacións.

 13.  O imposto do valor engadido (IVE) ou calquera outro imposto recuperable polo beneficiario.

 14.  As edificacións destinadas a vivenda.

 15.  Vehículos, agás os de transporte interno nas instalacións.

 16.  Os gastos de aluguer de equipamentos de produción e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro.

 17.  A man de obra propia nin os materiais de igual procedencia.

 18.  Os gastos por transaccións financeiras, xuros debedores ou de demora, as comisións por cambio de divisas e as perdas, así como outros gastos puramente financeiros.

 19.  As multas, sancións financeiras e gastos de procedementos legais.

 20.  Rótulos ou indicadores en vías públicas ou outros espazos públicos ou privados que non se atopen no establecemento, tenda, instalación, terreo ou recinto do solicitante.

 21.  Investimentos en enoturismo.

 22.  Gastos de tramitación administrativa.

 23.  Compra de edificios ou instalacións que estean alugados ou noutro réxime de tenza polo solicitante na data da solicitude.

 24.  A adquisición de mobiliario, agás o específico para laboratorios ou zonas de exposición de produtos.

 25.  Os gastos relativos á promoción (estands, conferencias, folletos, catálogos non inventariables, publicidade, etc.).

GASTOS CONSIDERADOS NON SUBVENCIONABLES EN PROXECTOS QUE INCLÚAN A ELABORACIÓN DE VIÑOS PROTEXIDOS POR ALGUNHA FIGURA DE CALIDADE

1.     Na elaboración de viños protexidos por algunha figura de calidade non serán subvencionables:

 a)    os depósitos, maquinaria ou instalacións que non contribúan á obtención de produtos de calidade, tales como:

 b)    As prensas coñecidas como continuas, nas cales a presión é exercida por un parafuso de Arquímedes no seu avance sobre un contrapeso.

 c)     As máquinas estruchadoras de acción centrífuga, de eixe vertical.

 d)    As prácticas de prequentamento da uva ou quentamento dos mostos ou dos viños en presenza de bagazos tendentes a forzar a extracción de materia colorante.

 2.     A compra de cubas, agás que sexan de nova adquisición e supoñan un aumento do parque de cubas por incremento da capacidade da adega.

 3.     A construción ou adquisición de depósitos non revestidos de material inerte.

CONTÍA DAS AXUDAS

O financiamento das axudas previstas nesta orde procede do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e farase de conformidade co artigo 3 do Regulamento (CE) nº 1290/2005 do Consello, do 21 de xuño, sobre o financiamento da política agrícola comunitaria, con cargo ao concepto 741A.770.0 e proxecto 201600237 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, cunha dotación de 1.699.000 €, así como para o exercicio 2017, con 700.000 €.

INCOMPATIBILIDADES

Non se financiarán con estas axudas as medidas que están recollidas nos programas de desenvolvemento rural ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, e do Regulamento 1305/2013, relativos á axuda ao desenvolvemento rural, nin outras medidas financiadas por instrumentos financeiros da Unión Europea.

 En ningún caso estas axudas poderán ser acumuladas ou completadas con outras axudas nacionais ou das comunidades autónomas dedicadas á mesma finalidade.

REFERENCIA LEXISLATIVA

ORDE do 9 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitícolas, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), e se convocan para o ano 2016.

OBSERVACIÓNS

1.     Os proxectos de investimento poderán realizarse nos exercicios Feaga 2017 e 2018 e poderán ser anuais ou plurianuais. O prazo máximo de xustificación en cada exercicio Feaga será o 29 de abril dese exercicio.

2.     Os investimentos non poderán comezar antes da presentación da solicitude de axuda, agás que os gastos sinalados no anexo III, 5, a) e b), que poderán ser tidos en consideración a partir dos doce meses previos á data de solicitude.

3.     A valoración das solicitudes será realizada por un órgano colexiado presidido polo subdirector de Industrias e Calidade Agroalimentaria e integrado por dous funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior á de xefe de sección, realizará a valoración das solicitudes presentadas seguindo os criterios establecidos na orde.

4.     A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias elaborará unha lista provisional cos proxectos de investimento seleccionados por orde de prioridade, e remitiraa ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente antes do 1 de maio.

5.     A partir das listas provisionais dos proxectos de investimento seleccionados polas comunidades autónomas, a Dirección Xeral da Industria Alimentaria elaborará a proposta de lista definitiva e someteraa ao informe vinculante da Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural, tendo en conta a dotación orzamentaria dispoñible para o exercicio Feaga e a reserva de fondos necesaria para os exercicios seguintes.

6.     Non se incluirán na proposta de lista definitiva aqueles proxectos de investimento que na fase de valoración non alcancen un mínimo de 13 puntos.

7.     Unha vez informada pola Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural a lista definitiva dos proxectos de investimento seleccionados, a Consellería do Medio Rural ditará as resolucións correspondentes e notificaraas aos beneficiarios.

8.     O prazo máximo para a resolución e notificación do procedemento será de seis meses contados a partir do día seguinte á finalización do prazo de presentación das solicitudes.

9.     Transcorrido o prazo de seis meses sen que se notificase aos interesados resolución ningunha, estes poderán entender desestimada a súa solicitude.

10.  A resolución indicará especificamente a anualización aprobada para a execución dos investimentos. As anualidades establecidas indicarán o investimento que se debe executar e pagar en cada unha delas, así como a data límite establecida para presentar a documentación acreditativa correspondente e cumprir outras condicións establecidas, se é o caso.

11.  O beneficiario poderá presentar ao organismo competente da comunidade autónoma unha solicitude de anticipo que poderá alcanzar a contía establecida no artigo 19.2 do Regulamento (CE) nº 555/2008 da Comisión, do 27 de xuño.

12.  O pagamento dun anticipo supeditarase á constitución dunha garantía bancaria ou una garantía equivalente a favor do órgano competente da comunidade autónoma por un importe igual ao 110 % do referido anticipo.

13.  As solicitudes de pagamento deberán presentarse antes do 30 de abril de cada exercicio Feaga correspondente prioritariamente nos rexistros das xefaturas territoriais correspondentes da Consellería do Medio Rural.

ANEXO II. MODERACIIÓN DE CUSTOS: CONTÍAS MÁXIMAS SUBVENCIONABLES

Os importes máximos subvencionables dentro dos proxectos de investimento, para os conceptos seguidamente sinalados, ateranse aos límites que aquí se indican, de maneira que cando nun proxecto concreto se superen estes límites, o exceso será considerado gasto non subvencionable.

  1.   Adquisición, construción, ampliación ou reforma de edificacións. O importe máximo subvencionable ascenderá a:

 a)    450 €/m2 construído, cando o investimento se execute en España.

 b)    500 €/m2 cando o investimento se execute noutros países da Unión Europea.

 2.  Cerramentos perimetrais de terreos. O importe máximo subvencionable ascenderá a 35 €/metro lineal, incluídos todos os elementos singulares distintos ás portas. O número de metros lineais máximo subvencionable será igual, en valor absoluto, á suma do número de metros cadrados construídos e/ou que se pretenden construír dentro do establecemento obxecto do proxecto de investimento.

 3.   Explanación e urbanización, incluída a dotación firme. O importe máximo subvencionable ascenderá a 30€/m2 obxecto de actuación. O número de metros cadrados máximo subvencionable será igual ao dobre da superficie nova construída.

 Estes límites serán aplicables tanto na avaliación da solicitude de axuda como na avaliación das solicitudes de pagamento.

CRISTERIOS DE VALORACIÓN

CRITERIOS DE VALORACIÓN

PTOS

Características do solicitante

Dimensión da empresa solicitante: se o solicitante é unha pequena e mediana empresa.

5

Promoción da igualdade de xénero: nos casos de solicitudes correspondentes a persoas físicas, se o solicitante é muller.

2

Promoción dos mozos: nos casos de solicitudes correspondentes a persoas físicas, se o solicitante é un agricultor mozo, nos termos definidos polo artigo 2.1.n) do Regulamento (UE) nº 1305/2013, que, ademais, acredite actividade como viticultor, polo menos, desde o ano anterior á presentación da solicitude de axuda.

2

Promoción de cooperativas menores: se o solicitante é unha cooperativa de até 150 socios (inclusive).

3

Promoción de cooperativas maiores: se o solicitante é unha cooperativa con máis de 150 socios.

4

Promoción da fusión de cooperativas: se o solicitante é unha cooperativa de 1º grao con máis de 250 socios e resultante dun proceso de fusión nos dous últimos anos anteriores á solicitude.

5

Promoción de entidades asociativas prioritarias: se o solicitante é unha entidade acollida á Orde APA/180/2008, do 22 de xaneiro, ou entidade asociativa prioritaria recoñecida de acordo co Real decreto 550/2014, do 27 de xuño, polo que se desenvolven os requisitos e o procedemento para o recoñecemento das entidades asociativas prioritarias e para a súa inscrición e baixa no Rexistro Nacional de Entidades Asociativas Prioritarias, previsto na Lei 13/2013, do 2 de agosto, de fomento da integración de cooperativas e doutras entidades asociativas de carácter agroalimentario.

6

Promoción das figuras de calidade: se o solicitante é un produtor vitivinícola cuxa produción, ou polo menos unha parte dela, desde o ano anterior á presentación da solicitude de axuda, se acolleu á produción ecolóxica.

5

Promoción da certificación: se as instalacións do solicitante dispoñen de certificación de aseguramento da calidade (BRC, IFS, ISO) ou ambiental.

3

SUBTOTAL

35

Características do proxecto

Promoción dos produtores vitivinícolas: o investimento destinado á transformación e comercialización da totalidade da produción de uva propia do solicitante.

7

Se, ademais, o solicitante é titular dunha explotación inscrita segundo o previsto no artigo 6 da Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias.

3

Apoio ao viticultor: o transformador dispón de contrato homologado pola Lei 2/2000 para a totalidade da uva, excluída a uva propia, cos viticultores.

5

Apoio á viticultura insular: o investimento realízase en territorio insular.

3

Recoñecemento da experiencia exportadora: experiencia exportadora nalgún dos 3 exercicios anteriores á presentación da solicitude, con polo menos, o 10 % do volume de produción do solicitante se se realiza na Unión Europea (excepto España).

5

Recoñecemento da experiencia exportadora: experiencia exportadora nalgún dos 3 exercicios anteriores á presentación da solicitude, con polo menos, o 5 % do volume de produción do solicitante se é fóra da Unión Europea.

10

Abandono do centro urbano: o investimento supón o traslado das instalacións do interior dun centro urbano a outras zonas habilitadas para o uso proxectado.

7

Eficiencia enerxética, hídrica ou xestión de residuos: polo menos, o 10 % do orzamento auxiliable solicitado destínase á mellora da eficiencia enerxética, á redución do consumo hídrico ou á mellora no tratamento e/ou á xestión de residuos.

10

SUBTOTAL

50

TOTAL

85

 

Contacta con nós se crees que esta axuda pode ser do teu interese.

 

Este sitio web utiliza cookies para mejorar los servicios que te ofrecemos.

Si no cambia la configuración de su navegador, usted acepta su uso. Saber más

Acepto